Iniciado o procedemento de contratación da reforma do Parque do Piñeiriño, dotada con 100.000 euros
O barrio do Piñeiriño verá atendida en breve a demanda de melloras na súa zona de esparexemento a través das obras de Reforma e Acondicionamento do Parque do Piñeiriño que levará a cabo o Concello nos vindeiros meses. A actuación precisa dun investimento de 99.887,38 euros que se destinará a mellorar a estética e a funcionalidade desta zona verde e de recreo, as súas zonas deportivas e de xogos infantís. O procedemento de contratación xa está en marcha.
O proxecto de Reforma e Acondicionamento do Parque do Piñeiriño foi elaborado polo Concello e financiarase a través dunha subvención da Deputación con cargo ao Plan Urxente de Mantemento dos Servizos e Infraestruturas Municipais do 2014. O Concello decidiu acometer esta actuación en vista do precario estado de conservación no que se atopa o parque, que segundo so técnicos, presenta serias deficiencias ademais de non reunir as condicións óptimas de seguridade e accesibilidade. A concesión da subvención xa foi confirmada.
O proxecto a desenvolver consiste nunha intervención integrada co obxectivo de mellorar a calidade estética de toda a área e de harmonizar a súa relación co resto do tecido urbano. Para isto, adecuaranse as zonas verdes, aproveitando as árbores existentes, plantando novas especies e céspede. Tamén se incidirá na súa na súa funcionalidade e calidade ambiental, mellorando a conexión do xardín co barrio abrindo un novo acceso dende a esquina Noreste.
As actuacións que se levarán a cabo son a demolición da rampla de acceso actual e a realización dunha nova con pavimento de adoquín e granito, cunha pendente máis accesibles e unha boa capacidade de drenaxe e evacuación das augas pluviais.
Tamén se restaurarán e reforzarán os muros e as gradas da zona deportiva e ampliarase a zona infantil de xogos que se delimitará coa valla de madeira e pórtico de entrada e na cal se instalará solo de caucho. A zona infantil desprazase algo respecto ao seu actual emprazamento para permitir a ampliación e recolocaranse os xogos unha vez revisados e restaurados.
Os valados e celosías actuais, tanto metálicas como de madeira, serán restauradas, ao igual que o enreixado da pista deportiva. Acondicionaranse os bancos e gradas mediante a incorporación de carcasa exterior de polipropileno con respaldo.
Por último, acondicionarase todo o firme e os taludes do xardín mediante movementos de terras, formación de céspede e plantación de vexetación ornamental na zona norte da zona de xogos.
Fonte:Concello Vilagarcía
0 comentarios