Vilagarcía celebra o domingo a Festa da Bicicleta
A Fundación Municipal de Deportes organiza unha nova edición da Festa da Bicicleta, une vento lúdico deportivo para afeccionados de tódalas idades que se desenvolverá o domingo 8 de maio. A marcha cicloturista coa que se pretende fomentar o uso da bicicleta como medio de transporte habitual pola cidade, así como a práctica deste deporte partirá ás once da mañá do Parque do Cavadelo e rematará, dúas horas despois no mesmo punto, onde se repartirán agasallos entre os participantes.
A Fundación de Deportes conta coa colaboración da Deputación Provincial de Pontevedra para a organización da Festa da Bicicleta, actividade na que tamén prestan a súa axuda o colectivo Arousa en Bici e establecementos Rodas.
A festa da Bicicleta é un evento multitudinario no que soen participar ciclistas de tódalas idades, incluso nenos tan pequenos que acoden con triciclos ou vehículos de catro rodas ou os que van nas cadeiras especiais para bebés suxeitas ás bicicletas dos seus pais. Todas as persoas que desexen participar no paseo cicloturista pola cidade deberán acudir ao parque do Cavadelo antes das once da mañá. A esa hora está previsto que comece o percorrido que levará ó pelotón por diversos puntos da cidade. As primeiras pedaladas conducirán aos ciclistas cara Vilaxoán por beiramar, para continuar pola zona da Rosaleda (Sobradelo), avenida de Cambados, O Piñeiriño, Fontecarmoa, A Lomba, Agustín Romero, As Bocas e desembocar na avenida Rodrigo de Mendoza co obxecto de emprender o regreso cara o punto de partida, percorrendo algunhas das rúas do centro urbano,
O percorrido total ten unha lonxitude aproximada de 12 quilómetros que os participantes realizarán a ritmo de paseo ou marcha. O pelotón irá encabezado por efectivos da Policía Local e do Servizo Municipal de Emerxencias, que tamén o pecharán para garantir a completa seguridade dos participantes. Esta previsto que a marcha remate sobre a unha da tarde nas inmediacións do parque do Cavadelo onde se porá o colofón á Festa da Bicicleta deste ano co sorteo de diversos premios (bicicletas e cascos) e reparto de camisetas e agasallos entre os participantes.
Fuente:ivilagarcia.com
2 comentarios
ANPA -
yo -