Blogia
ANPA O PIÑEIRO - Do C.E.I.P O Piñeiriño

As familias poderán elixir a duración das estadías dos seus fillos nos Campamentos Urbanos de Verán do Concello

As familias poderán elixir a duración das estadías dos seus fillos nos Campamentos Urbanos de Verán do Concello

A Concellería de Xuventude pon en marcha unha nova edición dos Campamentos Urbanos de Verán, un programa socioeducativo de lecer e de apoio á infancia co que se pretende facilitar a conciliación persoal e laboral das familias durante as vacacións escolares dos máis cativos. Os campamentos dirixidos a nenos e nenas nados entre os anos 2006 e 2009 terán a súa sede nos colexios da Escardia e do Piñeiriño con capacidade de 50 prazas en cada un deles. Impartiranse do 1 de xullo ao 30 de agosto, podendo optar as familias aos dous meses completos, a un ou a unha quincena co fin de que poidan axustar mellor o uso do servizo ás necesidades particulares de cada caso. A cota depende da duración do período elixido e establécense diversas modificacións. O prazo de inscrición ábrese o luns, 22 de abril e remata o 4 de maio.

Os Campamentos Urbanos impartiranse en horario de mañá, de 9 a 14 horas. Co obxecto de facilitar a conciliación e que as familias poidan axustar o traslado dos nenos aos seus horarios de entrada e saída do traballo, establécense dúas quendas para chegada (de 9 a 9:10 horas e de 10 a 10:10) e dúas de recollida (de 13 a 13.10 horas e de 13.50 e as 14.00). A actividades a impartir nos campamentos inclúen obradoiros artísticos e creativos, manualidades, xogos guiados e libres co obxectivo de ocupar o tempo de lecer dos cativos dun xeito ameno é vez que educativo.

As cotas por asistir aos campamentos son de 100 euros polos dous meses completos, 60 euros por un mes, e 30 si se opta por unha quincena. Non obstante, establécense diversas bonificacións como a dun 50% polo segundo fillo participante nos obradoiros, porcentaxe que tamén se aplicará ás familias numerosas. 

A Concellería de Xuventude reserva unha porcentaxe das prazas do campamento urbano para nenos e nenas cuxa asistencia sexa aconsellada polos Servizos Sociais municipais como medio de favorecer a súa socialización e trato con outros nenos, como situación de respiro, ou para previr posibles riscos de exclusión. Nestes casos, e segundo o informe técnico en base á situación socioeconómica das familias, os usuarios estarían exentos de pago.

As solicitudes deberán ser presentadas no Rexistro Xeral do Concello de Vilagarcía de Arousa en horario de 8.30 a 14.30 horas acompañadas da documentación que se especifica nas bases da convocatoria. Estas, así como os formularios de inscrición poden recollerse nas dependencias da Concellería ou imprimirse dende o taboleiro de anuncios da web municipal http://www.vilagarcia.es . 

No caso de haber máis solicitudes que prazas, se accederá ao servizo tendo en conta a orde de puntuación acadada trala valoración correspondente en base aos criterios que se recollen nas bases e que atenden principalmente a aspectos de conciliación.

Fuente:www.vilagarcia.es

0 comentarios