Blogia
ANPA O PIÑEIRO - Do C.E.I.P O Piñeiriño

Os vilagarciáns poderán navegar na goleta Raquel no marco do proxecto educativo “Navega e Educa”

Os vilagarciáns poderán navegar na goleta Raquel no marco do proxecto educativo “Navega e Educa”

A goleta Raquel recala este ano no peirao de Vilagarcía para desenvolver unha etapa máis do proxecto educativo “Navega e Educa” que se leva a cabo na Mancomunidade do Salnés a través dos Grupo de Acción Costeira e no que colabora o Concello de Vilagarcía. Durante esta semana, a goleta realizará travesías con escolares dos centros educativos do municipio e tamén fará visitas e saídas libres en horario de tarde e durante a fin de semana.

A Concellería de Educación colabora na organización desta actividade didáctica ofertando a actividade aos colexios e centros de secundaria do municipio e tamén organizando as visitas libres ao público en xeral. Neste caso, os interesados poden inscribirse previamente chamando, entre as 15 e as 19 horas ao teléfono 664 77 09 02 (Ainhoa) ou ben presentándose no peirao o mesmo día por se hai praza libre.

A goleta foi botada ao mar en marzo de 2009 no peirao do Grove coa finalidade de converterse nun apoio á promoción natural, turística e social da Ría de Arousa e do Parque Nacional das Illas Atlánticas. Con esta intención, deseñouse o programa “Navega e Educa” que ten como obxectivo principal fomentar a sustentabilidade social, económica, educativa e ambiental das zonas costeiras da comarca do Salnés.

As actividades a desenvolver na goleta están orientadas a amosar aos participantes aspectos como os relativos ao aproveitamento dos recursos que nos ofrecen os ecosistemas mariños da comarca e a figura do Parque Nacional das Illas Atlánticas, promovendo o seu coñecemento por parte dos cativos de cara a garantir a súa preservación no futuro. Con estas actividades tamén se busca potenciar e pór en valor a oferta ambiental existente, así como salientar a importancia que ten o sector do mar nas vilas mariñeiras do Salnés.

A goleta Raquel é unha embarcación a vela de 20 metros de eslora, 5,65 de manda e 2,50 de puntal, que ten capacidade para realizar singraduras de varios días e conta cunha tripulación composta por 5 persoas. Neste caso, as travesías didácticas terán unha duración de entre unha e dúas horas, dependendo da idade dos participantes. 

Durante os días laborais da semana, a goleta Raquel realizará visitas e travesías con escolares polas mañás, previa concertación cos respectivos centros educativos. Para nenos de 4 a 8 anos deseñouse unha actividade dunha hora de duración consistente nunha visita guiada ao barco e a realización dunha actividade didáctica a bordo. A clase que presente o mellor debuxo ou mural será premiada cunha singradura pola Ría de dúas horas de duración.

Os alumnos de Secundaria de 12 a 14 anos terán a oportunidade de navegar a bordo da goleta para, durante dúas horas, coñecer a historia do buque, e aspectos relativos á navegación tradicional, aprendizaxe de lectura dunha carta náutica, riqueza das augas da Ría de Arousa, rendibilidade económica e importancia da súa conservación. Neste caso, o premio para a clase que presente a mellor redacción conxunta será unha travesía de 4 horas achegándose ata un dos arquipélagos do Parque Nacional das Illas Atlánticas (Cortegada ou Sálvora).

Polas tardes dos días laborais, a goleta pode ser visita libremente e organizaranse saídas a primeira hora da tarde para aquelas persoas que se inscriban previamente. O sábado 16 e o domingo 17 de abril, a goleta realizará unha travesía pola mañá e outra pola tarde, de catro horas de duración e destinada especialmente a mozos de 16 a 30 anos de idade, que tamén deberán inscribirse previamente a efectos de organizar os grupos que teñen un cupo limitado a 20 participantes.

Fuente:ivilagarcia.com

0 comentarios