Blogia
ANPA O PIÑEIRO - Do C.E.I.P O Piñeiriño

Comezan os cursos de reforzo e técnicas de estudo para alumnos de Primaria e os preparatorios para acceder ao título da ESO

Comezan os cursos de reforzo e técnicas de estudo para alumnos de Primaria e os preparatorios para acceder ao título da ESO

A Concellería de Educación pon en marcha novas edicións dos cursos de reforzo e técnicas de estudo para alumnos de Primaria e o curso preparatorio para a obtención do título da ESO dirixido a maiores de 16 anos. As actividades poranse en marcha a partir de mediados de febreiro e con elas o departamento que dirixe Susana Camiño pretende poñer máis medios para combater o fracaso escolar e favorecer o retorno educativo daquelas persoas que abandonaron os estudos sen completar o ensino obrigatorio.

Tanto os cursos destinados aos alumnos de Primaria como o preparatorio da ESO contaron cunha aceptación moi boa por parte da poboación, de aí que a Concellería decidira mantelos no seu programa. De feito, a deste ano será a terceira edición consecutiva dos cursos de reforzo e de técnicas de estudo, actividades dirixidas a alumnos de quinto e sexto curso de Primaria dos centros escolares de Vilagarcía. 

Nas anteriores edicións foron moitas as familias que inscribiron ao seus fillos nestas actividades, de carácter gratuíto, e que valoraron moi positivamente os resultados obtidos e que os nenos e nenas plasmaron a posteriori nas súas notas e no seu rendemento escolar. Nesta ocasión ofértanse 60 prazas, 30 para cada un dos cursos. Na modalidade de técnicas de estudo os alumnos aprenderán cómo estudar dun xeito máis práctico e racional co obxecto de optimizar os eu tempo de estudo de xeito eficaz e aprender mellor e sen tanto esforzo. O curso de reforzo educativo está destinado aos alumnos que, por diversos motivos, levan os seus estudos con certo atraso e que precisan de apoio extraescolar para poder seguir o ritmo da clase.

Aprendizaxe co uso das novas tecnoloxías
As clases en ámbalas dúas modalidades comezarán a impartirse o día 14 de febreiro no Centro de Formación permanente de Matosinhos. A elección deste centro débese á completa aula de informática da que dispoñen, xa que as clases apoiaranse moito na utilización de ordenadores, incidindo tamén nunha aprendizaxe na que os alumnos se habitúen xa dende cativos ao uso nas novas tecnoloxías.

O curso de técnicas de estudo desenvolverase os luns e os mércores, para o cal se habilitarán dous grupos de 15 alumnos cada un que realizarán sesións de hora e media de duración en horario de 16 a 17:30 horas e de 17:30 a 19:00 horas. Tamén se farán dous grupos para o curso de reforzo educativo que se impartirá co mesmo horario os martes e os xoves.

O prazo para anotarse ábrese o luns, 7 de febreiro e manterase aberto ata o venres 11. A inscrición debe realizarse no Rexistro xeral do Concello, en horario de 9 a 14 horas, presentando o modelo de instancia ordinaria que poden obter alí mesmo ou descargar a través da web municipal. As actividades son gratuítas e dado o limitado das prazas, estas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.

Dentro do programa de Retorno Educativo posto en marcha pola Concellería de Educación o pasado ano, o día 14 de febreiro tamén comezarán as clases do curso preparatorio para a obtención do título da ESO. Esta actividade está orientada a persoas maiores de 16 anos que tiveran abandonado os estudos e que agora quixeran preparase para obter esta titulación simplemente ou, a partir de aí, continuar a súa formación con outros estudos. 

Nesta caso, o numero de prazas dispoñibles ascende a 30 que se concederán, como no caso anterior, por rigorosa orde de inscrición. O sistema para anotarse e os prazos para facelo tamén son os mesmos.

Fuente:ivilagarcia.com

0 comentarios