Facebook Twitter Google +1     Admin

O DOG publica hoxe a convocatoria de axudas por fillo a cargo de 360 euros que se poderá solicitar desde mañá

A prestación da Consellería de Traballo e Benestar consiste nun pagamento único por cada un dos fillos menores de 3 anos

A petición formalizarase no formulario normalizado que está dispoñible na sede electrónica da Xunta no enderezo https://sede.xunta.es

O prazo de presentación das solicitudes, segundo publica hoxe o DOG, será de corenta días naturais contados desde mañá

A resolución destas axudas, que o ano pasado beneficiaron a preto de 3.000 persoas, será nun prazo de cinco meses

Esta medida forma parte do Plan de Dinamización Demográfica de Galicia que inclúe este ano, como novidade, un incremento dos incentivos fiscais 

Santiago, 17 de marzo de 2014.- A prestación por fillo a cargo da Consellería de Traballo e Benestar poderá solicitarse desde mañá, segundo publica hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG). A axuda consiste nun pagamento único de 360 euros por cada un dos fillos menores de 3 anos.

Esta prestación diríxese a aquelas persoas que, con data do 1 de xaneiro deste ano, tiveran ao seu cargo fillos o fillas menores de tres anos (nacidos entre o 2 de xaneiro de 2011 e 1 de xaneiro de 2014), sempre que durante o ano 2012 non estivesen obrigados a presentar a declaración polo imposto sobre a renda, nin a presentasen de xeito voluntario.

No caso de fillos ou fillas adoptados ou acollidos entre o 31 de decembro de 2012 e o 31 de decembro de 2013, a prestación concederase durante os tres anos posteriores á data da resolución xudicial ou administrativa que a declare.

Para solicitar a axuda é necesario que os proxenitores teñan a súa residencia habitual en Galicia e que os nenos convivan coa persoa solicitante. A petición formalizarase no formulario normalizado que está dispoñible na sede electrónica da Xunta no enderezo https://sede.xunta.es.

O prazo de presentación das solicitudes será de corenta días naturais contados desde mañá. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica, si ben tamén se poden presentar en papel.

A resolución destas axudas, que o ano pasado beneficiaron a preto de 3.000 persoas, será nun prazo de seis meses desde o día seguinte ao da data en que a solicitude teña entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. A Consellería de Traballo e Benestar adiantou este ano a convocatoria destas axudas, que noutros exercicios saía publicada no DOG a partir do mes de abril.

Esta medida forma parte do primeiro Plan de Dinamización Demográfica de Galicia que foi aprobado o ano pasado no Parlamento galego. Contén 69 medidas e, entre as máis novidosas, figura este ano o incremento dos incentivos fiscais. A dedución por nacemento ou adopción dun fillo elévase este exercicio de 300 a 360 euros. Outras axudas que inclúe este plan é a exención dos prezos públicos a partir do segundo fillo nas escolas infantís, a posta en marcha das casas-niño no rural ou o servizo de axuda no fogar á infancia.

Fuente:www.xunta.es

 

 

Comentarios » Ir a formulario

No hay comentarios

Añadir un comentario



No será mostrado.