Facebook Twitter Google +1     Admin

O Concilitardes organiza obradoiros formativos para familias con fillos de ata 12 anos

20130227101009-1.jpg
O programa socio educativo para nenos e nenas que se está desenvolvendo no servizo Conciliatardes- Trades coa Infancia amplíase este ano ao traballo coas familias. Dentro desta nova iniciativa, a partir do mes de marzo organizaranse obradoiros de formación para que nais e pais con fillos de ata 12 anos poidan asesorarse sobre temas relacionados coa educación dos cativos. A participación é de balde e aberta, xa que poderá asistir calquera familia, sexa ou non usuaria do Conciliatardes.
26. 02. 2013.- Os monitores e especialistas que prestan o Servizo Conciliatardes serán os encargados de expoñer a pais e nais temáticas que suscitan dúbidas á hora de educar aos fillos, así como as técnicas que poden seguir para abordar diversas situacións cotiás e importantes. Ao longo de cinco sesións abordaranse temas como “Os deberes, sós ou en compañía? Axudar aos fillos nos hábitos de estudio e aprendizaxe”, “Como habituar aos fillos a ler. Aprender a contar historias. Fomento da lectura”, “Disciplina, normas e límites”, “Xogos na familia. Ocupación do ocio e do tempo de lecer”, “Nutrición e alimentación”.

Para favorecer a asistencia das familias, os obradoiros celebraranse os sábados pola mañá no Auditorio, en horario de 10 a 13 horas. A primeira das actividades celebrarase o día 16 de marzo, e as seguintes o 6 e o 20 de abril, e as últimas o 11 e 25 de maio.

As familias que non sexan usuarias do Concilitardes e estean interesadas en asistir a estes obradoiros deberán formalizar a súa inscrición cubrindo o formulario correspondente e presentándoo no rexistro xeral do Concello. O prazo para realizar este trámite vai do 1 ao 13 de marzo e as 15 prazas reservadas para familias non usuarias cubriranse por rigorosa orde de entrada. O formulario de inscrición poden obtelo no departamento de Servizos Sociais do Concello ou imprimir a través do taboleiro de anuncios da web municipalhttp://www.vilagarcia.es 

Comentarios » Ir a formulario



No hay comentarios

Añadir un comentario



No será mostrado.