Blogia
ANPA O PIÑEIRO - Do C.E.I.P O Piñeiriño

A Concellería abre un prazo de solicitude para cubrir 11 vacantes nos Campamentos Urbanos de Verán. Publicadas as listas provisionais

A Concellería abre un prazo de solicitude para cubrir 11 vacantes nos Campamentos Urbanos de Verán. Publicadas as listas provisionais

A Concellería de Xuventude informa ás familias interesadas de que aínda quedan 11 prazas dispoñibles para participar no Campamentos Urbanos de Verán que se van a celebrar en xullo e agosto e que están destinados a nenos e nenas nados entre os anos 2005 e 2008. Das 150 prazas ofertadas pola Concellería, só quedaron vacantes estas 11, das que 9 corresponden ao centro do Piñeiriño e 2 ó da Escardia. Os interesados poderán presentar as súas solicitudes no rexistro xeral do Concello entre o 18 e o 20 de xuño.

 

Para acceder a estas vacantes seguiranse os criterios recollidos nas bases dos Campamentos Urbanos, polo que os interesados deben cumprir os requisitos nelas establecidos. As prazas cubriranse por rigorosa orde de entrada no Rexistro.

A Concellería que dirixe Marta Rodríguez fixo públicas hoxe as listas provisionais de nenos e nenas admitidos nos Campamentos Urbanos de Verán nos que se ofertaron 150 prazas distribuídas en grupos de 50 entre as sedes dos colexios da Escardia, O Piñeiriño e Arealonga. A partir de hoxe, 14 de xuño e ata o día 19 deste mesmo mes, o departamento municipal abre un prazo para que as familias poidan subsanar erros ou presentar erros e cumprimentar a documentación requirida. As listas definitivas publicaranse o día 26 de xuño.

Os Campamentos Urbanos de Verán son un programa socioeducativo de lecer e apoio á infancia co que se pretende facilitar a conciliación persoal e laboral das familias durante as vacacións escolares dos máis cativos.

Taller de lectura e de inglés
O programa dos Campamentos Urbanos de Verán inclúe actividades lúdicas e educativas que teñen como finalidade entreter aos cativos á vez que aproveitar os xogos para promover as súas habilidades sociais e comunicativas, educalos en valores e favorecer o seu desenvolvemento persoal potenciando a creatividade e imaxinación.

Entre as diferentes actividades a realizar, este ano introdúcense dúas novidades. Por un lado, crearase un club de lectura para fomentar este hábito entre os nenos a través de xogos, contos, conta contos e demais actividades relacionadas cos libros. Ademais, impartirase o obradoiro semanal de inglés “Funny English” para ir introducindo as cativos na aprendizaxe deste idioma, aproveitando a rapidez coa que os nenos e nenas asimilan as linguas a estas idades.

Os campamentos desenvolveranse do 2 de xullo ao 31 de agosto, de luns a venres e en horario de 9 a 14 horas. O horario de chegada e recollida dos nenos poderase facer en dous tramos, tamén a obxecto de facilitar a conciliación. Así, os cativos poderán chegar nunha primeira quenda entre as 9 e 9:10 horas e nunha segunda, entre as 10 e as 10:10 horas. Do mesmo xeito, os pais ou responsables dos cativos poderán pasar a recollelos entre as 13 e 13:10 horas ou entre as 13:50 e as 14 horas.

A cota mensual dos Campamentos é de 50 euros. Esta tarifa redúcese un 50% no prezo a pagar por segundos e sucesivos irmáns participantes nas actividades. Tamén se aplica unha redución do 50% da cota ás familias numerosas e incluso prevese a gratuidade nos casos informados polos Servizos Sociais en base a situación socioeconómica das familias.

Fuente: Concello Vilagarcía

0 comentarios