Blogia
ANPA O PIÑEIRO - Do C.E.I.P O Piñeiriño

Mamá Cabra tráelle a súa música aos nenos de Vilagarcía

A colaboración da secretaría xeral de Política Lingüística, da editorial Galaxia e do Concello de Vilagarcía fará posible que os nenos da cidade e da comarca poidan pasar o sábado unha tarde moi agradable co grupo de música infantil Mamá Cabra, que presenta no auditorio o seu espectáculo Ola, ola, la! A actuación dará comezo ás seis da tarde e a entrada será libre ata completar aforo.

 

A editorial Galaxia foi a encargada de poñer en marcha esta proposta, incluída no programa Bocaberta da secretaría xeral de Política Lingüística, un programa de promoción da lingua entre os máis novos que chega cada ano a medio millón de rapaces de toda Galicia.

A actividade prolongarase uns días despois, concretamente o 29, cuns obradoiros para pais que se impartirán tamén no auditorio e que estarán dirixidos pola escritora e actriz Ana Carreira. Para apuntarse entregarase unha ficha o mesmo sábado na actuación.

Quen asista a eses talleres recibirá a maiores un libro titulado tamén Ola, ola, la!, que contén, ademais do texto, un cedé coas cancións de Mamá Cabra e un deuvedé cun karaoke para que nenos e maiores poidan seguir cantando os temas na casa.

 

Aínda que non fará falla entrada, o concelleiro de Cultura, Xosé Castro Ratón, pedíalle onte aos interesados en asistir que cheguen con certa antelación. As portas da sala abrirán media hora antes de que comece o espectáculo, así que se recomenda axilidade para evitar aglomeracións e para aqueles que non queiran quedar fóra.

A intención deste espectáculo, ademais de divertir aos máis pequenos, é promocionar entre a xente máis nova o uso do galego. Por iso na presentación de onte estivo a subdirectora xeral de Política Lingüística, Cristina Ruibal, Francisco Castro, escritor de textos infantís, que acudiu en representación de Galaxia, e os concelleiros de Cultura, Castro Ratón, e Xuventude, Ana Lorenzo. Todos eles animaron ás familias a acudir a este entretido espectáculo.

Fuente: La Voz de Galicia

 

0 comentarios